Tuesday 14 de May de 2024

A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana concertos de ata cinco bandas de música da provincia da Coruña no ‘Serán’02’


O ‘Serán’02. II Encontro Galego de Cultura Popular’ desenvólvese no Gaiás do 28 ao 30 de xuño promovido pola Xunta de Galicia, dirixido por Quique Peón e coa colaboración da FGBMP e Gadis

Máis de medio milleiro de intérpretes de bandas de música de toda Galicia daranse cita do 28 ao 30 de xuño no Gaiás para participar no Serán’02: II Encontro Galego de Cultura Popular. O evento, promovido pola Xunta para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, volve á Cidade da Cultura de Galicia tras o éxito da súa primeira entrega, que dedicada ao baile e á música tradicional congregou máis de 7.000 asistentes.

Ao longo dos tres días, o Serán’02 despregará un intenso programa enteiramente de balde con concertos de bandas de música das catro provincias galegas, así como diversas formacións infantís e xuvenís. Entre as bandas que protagonizarán este evento multitudinario atópanse ata cinco formacións da provincia da Coruña. En primeiro lugar, na apertura do evento, o venres, poderemos gozar concerto dobre das dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia –A Coruña e Santiago de Compostela–.

Xa o sábado, o programa inclúe un concerto da Unidade de Música do Tercio Norte de Infantería de Marina de Ferrol e a participación da Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla no Baile das Irmandades da Fala, un dos espectáculos centrais do encontro no que tamén actuarán as charangas tradicionais de Xacarandaina e Cantigas e Agarimos.

O evento conta tamén con numerosos concertos de bandas infantís ao longo dos tres días, nos que participarán, entre outras, Amigos da Banda de Música de Sada. O encontro conta co apoio da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e Gadis.

Baile das Irmandades da Fala
Un dos pratos fortes do Serán’02 será o Baile Irmandades da Fala, que transformará a praza central do Gaiás nunha verbena ao estilo de comezos do século XX convidando aos asistentes a achegarse caracterizados da época para danzar ao son das bandas de música de Lalín, Santa Cruz de Ribadulla, Unión Musical de Valladares e A Lira de Ribadavia, e das charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Ao longo da noite repartiranse premios ao mellor vestiario e á parella de baile que demostre unha maior destreza e habilidade nesta noite festeira.

A danza estará moi presente en toda a xornada do sábado do Serán’02, xa que ao longo de todo o día estaranse a impartir obradoiros de baile agarrado, de balde e destinados a todo tipo de público. Nestes cursos intensivos, os asistentes van poder aprender a técnica básica da polca, o valse, a mazurca, o pasodobre ou o chotis con grandes profesionais da danza como Suso Cancelas ou Xisco Feijoo. O Baile Irmandades da Fala será a oportunidade perfecta para, apenas unhas horas despois, pór en práctica todo o aprendido.

Programa para todo tipo de público
Cabe lembrar que no Serán’02 participarán algunhas das mellores bandas de Galicia, como o acreditan os recoñecementos recibidos en certames nacionais e internacionais. É o caso precisamente da Banda de Lalín, premiada en 2013 e 2009 no WMC de Kerkrade (Holanda) –certame considerado un auténtico mundial das bandas de música e que reúne cada catro anos unha selección de 200 bandas de todo o mundo–; ou de A Lira de Ribadavia, premiada en 2018 no Certame Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia.

Este II Encontro Galego de Cultura Popular nace con vocación de dirixirse a todo tipo de público, sexa ou non parte do sector. Así, o encontro ofrece tanto contidos de tipo profesional como clases maxistrais con músicos de recoñecido prestixio, conferencias ou mesas redondas, como un plan familiar de fin de semana. Ademais de gozar dos concertos e espectáculos programados, o público asistente poderá visitar o recinto feiral do encontro ou participar en obradoiros de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada. O evento desenvolverase en distintos espazos do complexo como o auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro ou o Museo Centro Gaiás. En www.cidadedacultura.gal pode consultarse polo miúdo o programa, enteiramente de acceso libre e de balde.